«A Galicia da que gozamos hoxe vén, en parte, do esforzo dos emigrantes»

carlos

ANA F. CUBA
CEDEIRA

A RAG acaba de nomealo académico correspondente, que entende como un respaldo ao labor educativo do centro

Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro naceu na parroquia de San Román, en Cedeira, o 30 de xaneiro de 1970. «Na aldea pasei a infancia, alí vivín con meus pais e meus irmáns, realicei os estudos primarios no colexio Nicolás del Río e os secundarios no instituto de Cariño», relata. Na Universidade da Coruña licenciouse en Filoloxía Hispánica, na subsección de Galego-Portugués. Desde 2001 traballa na outra beira do Atlántico e desde hai tres é o director xeral do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. A Real Academia Galega (RAG) vén de nomealo académico correspondente. Recoñece que a Cedeira retorna menos do que quixera. «De feito, as dúas últimas veces que viaxei a Galicia fíxeno por motivos de traballo e só na segunda puiden ir ver á familia».

-¿De onde lle vén o vínculo coa comunidade galega en América Latina? ¿Cando empezou a súa traxectoria profesional alí?

-No ano 2001 traballei durante dous meses no Instituto de Estudos Galegos, dependente da Universidade de Belgrano (República Arxentina), e no ano 2002 volvín ao Río de la Plata para continuar o meu labor na devandita universidade, algo que fixen ininterrompidamente ata 2013. Paralelamente ao anterior, en agosto de 2002 a Xunta de Galicia envioume como docente de Lingua e Literatura Galega ao Instituto Santiago Apóstol da capital porteña. Neste centro educativo ocupei os postos de director do Departamento de Lingua Galega, secretario técnico educativo e, dende hai tres anos, director xeral do centro de estudos.

-¿Cal é o labor do Instituto Santiago Apóstol?

-Este centro educativo é o único que, fóra das fronteiras administrativas españolas, imparte de maneira oficial, e cun deseño curricular semellante ao empregado nas catro provincias administrativas, as materias de Lingua, Literatura, Historia e Xeografía de Galicia. Nel estudan hoxe en día 565 nenos e mozos dende os dous anos ata os 17-18; dende a idade infantil ata o curso previo á universidade. O Santiago Apóstol traballa na defensa, potenciación e espallamento da realidade patrimonial galega nesta beira e trata de ofrecer unha educación de calidade contrastada.

-¿Cal é o seu contacto actual coa colectividade galega en Arxentina e Uruguai?

-O meu contacto cínguese, fundamentalmente por cuestións de tempo, ao meu labor no Santiago Apóstol. Trato de estar sempre presente e participar en cantas actividades vinculadas coa nosa cultura se desenvolven neste hemisferio, poñendo o meu graíño de area a prol do seu éxito. Por outro lado, son o presidente da recentemente creada editorial Mar Maior, selo arxentino da editorial Galaxia, que pretende dar a coñecer a literatura galega á sociedade arxentina para poñela en valor. Tentaremos que a cultura galega, como formante desta nación que nos acolle, comparta espazos con outras literaturas e mostre o seu potencial.

-¿Que necesidades observa na comunidade galega?

-É moi importante que teñamos presente que Galicia vai máis aló dunhas simples fronteiras administrativas e que se hoxe podemos gozar da realidade autonómica de Galicia é en parte grazas aos esforzos, moitas veces pouco valorados, dos emigrantes. Hoxe en día compren accións ben planificadas que dinamicen a toda esa sociedade galega do exterior para convertela en activo partícipe da conformación de Galicia. Neste país no que nos atopamos maxistrados, xornalistas prestixiosos, deportistas de elite ou mesmo presidentes, que foron ou son de orixe galega… E moitos séntense orgullosos da súa pertenza. Cumpriría achegarse a eles e abrirlles as portas da nosa, a súa, realidade, para que puidesen colaborar tamén na construción de Galicia. Esa xente non só mantén vínculos coas familias en Galicia senón que, grazas ás novas tecnoloxías, permanecen actualizados coa realidade que nesoutra beira acontece.

-¿Como naceu a revista ‘Gaveiro da nosa identidade’, que vostede dirixe?

-A revista naceu como unha especie de ponte entre as dúas beiras do Atlántico. De momento, sacamos tres números. O primeiro estivo dedicado á Real Academia Galega, o segundo tratou temas educativos e o terceiro conmemorou o 25 aniversario da volta da democracia á República Arxentina, precisamente, da man doutro galego, Raúl Alfonsín. Nas súas páxinas, prestixiosos intelectuais desta e desoutra beira colaboraron desinteresadamente, vertendo opinión e certificando un nexo entre as provincias galegas; as catro e a quinta.

-¿Que representa o nomeamento de académico correspondente da Real Academia Galega? ¿En que se traduce na práctica?

-Entendo o nomeamento non como un recoñecemento individual senón coma un apoio que a máxima institución cultural galega quixo dar ao Instituto Santiago Apóstol. Trátase dun respaldo ao labor do centro educativo, á liña pedagóxica que segue e ao traballo que desenvolve o alumnado, mozos e mozas que a once mil quilómetros de Galicia aprenden con cariño e respecto a cultura galega e se achegan a ela sendo conscientes da importancia que ten na súa formación humanística. Por outro lado, creo que se trata dun respaldo á colectividade galega de Bos Aires, esa comunidade que vive un rexurdir nas segundas e terceiras xeracións de galegos, e que debe seguir a transitar o vieiro do futuro con ilusión.

«Bos Aires foi, durante décadas, cimeira da cultura galega»

Nunha intervención que realizou no ano 2014 no Consello da Cultura Galega, sobre os estudos galegos en Bos Aires e a experiencia do Instituto Santiago Apóstol, Rodríguez Brandeiro incidiu, entre outros aspectos, no seguinte: «Bos Aires, cimeira da galeguidade durante décadas, rexistra hoxe, canto á cultura galega se refire, unha realidade nada comparable co esplendor que mostraba na metade do século pasado (…). Nos últimos anos nótanse xermolos de esperanza e o traballo de xente nova está a impulsar vizosos vieiros na capital bonaerense. O grupo de lectores galegos de Bos Aires que dirixen as profesoras Débora Campos e Andrea Cobas, o Terzo da Fala, a asociación Herbas de Prata ou a asociación Xeito Novo son exemplos que irradian un refacho de esperanza, xunto a outras agrupacións históricas que non desfaleceron e seguen a traballar con ímpeto incansable (…). Posuír en Bos Aires un centro de estudos fundamentado na identidade cultural de Galicia foi un dos máis prezados desexos da colectividade emigrante, e dende a primeira metade do século XX os exiliados facían forzas para acadar a súa consecución».

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Fotos de Cedeira, Galicia, Politica, Politica Local, Traballo, Xente de Cedeira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.