O Museo Mares de Cedeira anda enredando co léxico mariñeiro

Convidaron aos veciños a aportar termos ligados ao mar, típicos da vila, e xa levan unha morea

No léxico mariñeiro de Cedeira, gaiteiro significa chubasco con vento; espello, un artefacto que se emprega para ver o fondo do mar desde a chalana, para coller percebes ao raño e tamén centolos; e larudo, persoa algo botada para adiante. Estes tres vocábulos, aportados e definidos por mariñeiros e outros veciños de Cedeira, pérdense entre a morea de termos relacionados co mar, moitos de uso exclusiva na vila, recollidos na páxina do Museo Mares de Cedeira na rede social Facebook. Nada máis lanzar a iniciativa, convidando a aportar termos singulares da lingua cedeirense, chegaron as primeiras palabras e as entradas van a máis.

Dise chinquilimpe «cando non das virado o aparello porque vén moito peixe» e arrechina montón para referirse a unha manobra moi forte. Chiquito equivale a nécora; canjrexa, a centola; un muchacho son 30 caixas (en clave); unha vella, 40; e un cicuta, 50. Chinjolo, ou chinjola, é a liña das varas de proa dos boniteiros e mosquita, a de popa. Un bonito grande pasa por matrero; un mediano, por recortado, e un pequeno, por mono; e para referirse a un peixe máis grande do normal, de calquera especie, din cañarte. Dise mordido «cando o aparello do maquinilleiro se traba na maquinilla ou halador»; atalijar, cando se amarra o risón de fondeo; e mar podre, cando está coma un prato. «A Cedeira había que vir e cando había que definir unha situación, se non tiñan o vocábulo, pois había que inventalo», apunta José Rodríguez Arribe, Jose de Vigo, un dos responsables da posta en marcha do Museo Mares de Cedeira, a través da asociación homónima.

De feito, na propia sala, no baixo da confraría de pescadores de Cedeira, pódese consultar a obra Léxico mariñeiro de Cedeira, un dicionario do mar escrito por Xavier Rodríguez Vergara. «Describe palabras usadas polos cedeirenses en relación á pesca e pareceunos interesante que agora a xente nos conte as que coñece. Moitas utilízanse noutros portos da contorna, porque o Cantábrico Noroeste forma unha unidade pesqueira e falamos a mesma lingua, pero hai particularidades en cada pobo», subliña R. Arribe.

O autor deste singular dicionario tamén intervén no Facebook, con achegas como rosega, «cada unha das calas que usan os bous das rías». Rosegar ou rastrear, precisa Ricardo Villar Martínez, mariñeiro da vila, moi activo neste curioso reto lingüístico, «significa buscar os aparellos perdidos, levando unha cadea, un risón ou un torpedo de remolque pola popa». A bordo, un garda civil é un tiburón peregrino; compaña, a tripulación dun barco, e zorollo, un centolo pequeno. Emprégase o termo collada «cando estás collendo percebes e o mar fai unha quedada»; ir a rolo «é ir sen propulsión nin goberno, levado polo vento e as correntes da auga» e bota por aló úsase «cando dúas embarcacións precisan falar pola emisora por temas de pesca, sen que ninguén os escoite».

De «montemaior» a «mójaro»

Entre os termos recollidos nestes días na rede figuran montemaior, «o que se fai ou paga entre todos», e montemenor, «os cartos que quedan despois de restar os gastos do montemaior; do montemenor quítase a porcentaxe do armador e do restante fanse as partes ou quiñóns para repartir entre a tripulación». Tamén aparecen lameiro, «persoa que traballa na lama, actualmente ‘reserva mariña’»; bufeo, «remuíño de vento»; estampa, «parte da popa da chalana, de onde se salta á pedra para coller percebes» ou mójaro, «peixe pequeno, escuro e cabezudo, que vive nas pedras das rías e dos peiraos».

Divulgar a cultura mariñeira

O Museo Mares de Cedeira non deixa de enredar, sempre co propósito de reivindicar e divulgar a cultura mariñeira. Con este propósito vai asinar un acordo de colaboración con Maremasma, empresa xestora do programa Mares de Cultura, financiado polo Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) A Mariña-Ortegal, para participar nunha campaña dirixida a 2.500 escolares de entre oito e 15 anos, dos centros educativos de Ortegal e A Mariña. Trátase de achegalos, precisamente, aos recursos naturais e ás artes da pesca artesanal. Seguro que os rapaces aprenderán que con mar vivo, e isto non só en Cedeira, non se pode ir aos percebes.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Politica, Politica Local, Turismo, Turismo local. Ligazón permanente.

Unha resposta a O Museo Mares de Cedeira anda enredando co léxico mariñeiro

  1. Luz Martinez Villar di:

    “A partixa” diñeiro que recibia cada mariñeiro,xeralmente cada semana.
    “A chona” peixe que levaban para a casa os mariñeiros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s