Foto: Concentración moteira _ Arriba da Ponte
O Concello de Cedeira colabora coa Asociación do Casco Vello na organización da segunda edición da Xuntanza Motera, unha iniciativa que este ano coincide coa Festa do Percebe e na que está prevista a participación de arredor de 400 persoas.
A cita será hoxe sábado e o programa inclúe unha ruta pola vila, unha comida a base de churrasco, un paseo pola tarde ata a ermida de Herbeira e música pola noite.
Actuarán os grupos de música, Kowloon e Pölisong.
A zona da Alameda será o centro neurálxico dunha celebración que se consolida este ano cunha participación que, segundo os convocantes, duplicará á do primeiro encontro.
Durante unhas horas, Cedeira será a referencia para afeccionados ás motos de Galicia e mesmo tamén do norte de Portugal.
A churrascada está prevista para as 14.30 e o paseo ata os cantís máis altos da Europa continental dará comezo ás 17.30 horas.
A inscrición pódese formalizar a través do número telefónico 629 640 040 e seu prezo ascende a 10 euros por persoa.
A organización tamén ten acoutada unha zona de acampada no parque dos patos.