A campaña prolongarase por espazo de tres semanas e está financiada
polo Concello
O próximo luns día 22 volverá a actividade ao xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal coa posta en marcha da terceira campaña financiada polo Concello de Cedeira e que será executada pola empresa AXA Arqueoloxía SL.
Tras a autorización de Patrimonio da Xunta, o goberno municipal volve a investir na recuperación e posta e valor da riqueza patrimonial atopada a raíz da localización, en decembro de 2017, da pedra formosa, tamén chamado monumento con forno.
Agora trátase de continuar coa limpeza da muralla que está máis próxima ao monumento e á ampliación da escavación para atopar novos tramos da canle de auga que abastecía unha sauna cuxa construción remóntase ao século III a.de C, segundo a cronoloxía da proba do Carbono 14 (novembro 2018).
Os traballos prolongaranse durante tres semanas e o seu orzamento ronda os 15.000 euros. Emilio Ramil, como arqueólogo e director da empresa adxudicataria, subliñou que se trata de traballar tanto en profundidade como en extensión coa intención de definir o mellor posible a zona máis próxima ás murallas que limitan á construción castrexa. Nesta ocasión, os traballos que darán comezo o luns serán executados por dous arqueólogos e catro auxiliares, ademais da persoa que fará volar un dron para recoller en imaxes a evolución desta nova intervención, que será a quinta.
A idea, segundo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, “é seguir
traballando ata completar a totalidade do xacemento, unha riqueza patrimonial moi importante non só para Cedeira senón para a cultura en xeral”.
Apertura do Castelo da Concepción
A partir de mañá xoves e ata o próximo domingo estará aberto ao público o Castelo da
Concepción de Cedeira. As persoas que desexen visitalo poden facelo en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A visita é gratuita.