La Voz de Galicia
Os concellos implicados e a Deputación xa dispoñen dun borrador do plan director e constituirán unha asociación en breve
O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal darase a coñecer na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, do 22 ao 26 de xaneiro, a través do espazo da Mancomunidade de Municipios de Ferrolterra. É parte da campaña de promoción que emprenderán os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, da man da Deputación.
No encontro de todos os actores implicados celebrado o martes en Moeche valorouse a existencia dun borrador do plan director do futuro geoparque e falouse da «inminente» constitución dunha asociación que se ocupe de presentar a candidatura ante a UNESCO e de coordinalo, si sae adiante.
«Co plan estratéxico na man e cunha entidade apoiando o proxecto, os sete concellos agardan telo todo listo para comezar oficialmente o percorrido da candidatura antes do 1 de abril, data límite establecida pola UNESCO para enviarlle ao Comité Nacional de Geoparques a carta expresando o interese e a intención de promover esta figura», remarcaron tras a reunión.