La Voz de Galicia
Leva case un ano á fronte da Asociación Socioculutural de Discapacitados Sobre Rodas, con 704 socios. O obxectivo é atender as necesidades de nenos e adultos, e as dos seus coidadores
CEDEIRA /
A recompensa «é impresionante» cando, tras semanas ou meses de xestións, «consegues algo, como material ortopédico para un socio». «A satisfacción persoal de axudar é impagable», recoñece Cristina Iglesias Pérez (Cedeira, 40 anos), presidenta da Asociación Sociocultural de Discapacitados Sobre Rodas desde hai case un ano. «Antes estaba de secretaria, como dicía a miña nai [a anterior responsable do colectivo, Malena Pérez], eu era a cabeza pensante e ela o foco visible», comenta. Agora correspóndelle a ela o primeiro plano. Retirada por unha incapacidade, coñece de preto o problema. «Vivino de xeración en xeración e iso dáche outra perspectiva -confesa-, a min e incluso á miña filla, ten 19 anos e estuda atención a persoas con dependencia».
O colectivo conta con 704 socios, de Cedeira e algún de Valdoviño. «Ao ter servizo de transporte adaptado, exclusivo para socios, foise ampliando. Os usuarios adoitan colaborar nos gastos de combustible, se non sería inviable», explica. A entidade finánciase coas cotas anuais, de 20 euros, os donativos de empresas privadas, o copago dalgunhas actividades e a achega do Concello de Cedeira. Dependendo do ano, reciben subvencións da Deputación (para talleres) ou da Xunta (de carácter individual, para gastos de rehabilitación, tramitadas a través da asociación).
Actividades para todos
«Englobamos a todo tipo de discapacitados», recalca a presidenta. En nómina teñen unha auxiliar administrativa (na oficina do Palacete Municipal) e unha diplomada en Maxisterio, que imparte as clases de reforzo (a escolares remitidos directamente desde o colexio). O resto son voluntarios ou autónomos. Sobre Rodas ofrece servizos de logopedia, psicoloxía e quiromasaje; clases de zumba adaptado, baile para mellorar a mobilidade infantil, estafe training (exercicios específicos para fortalecer a musculatura) ou ximnasia terapéutica. Hai pouco que introduciron sesións de ioga e relaxación, con moi boa resposta.
«O material ortopédico facilita a vida da persoa con discapacidade e dos coidadores»
O préstamo de material ortopédico é un dos servizos «máis importantes», no que invisten boa parte dos seus recursos. «Cédese ao socio que o necesita polo tempo que o necesite, grachíoamente. É unha prioridade para facilitarlle a vida tanto á persoa con discapacidade como aos seus coidadores», remarca. As 16 camas de hospital dispoñibles están en uso, igual que os guindastres, as cadeiras de váter e de ducha, as cadeiras de roda, as muletas e case todos os andadores. «Hai moita demanda», apunta.
Local na avenida de España
A ampliación da escola infantil obrigoulles a mudarse e as actividades, interrompidas agora pola crise sanitaria, desenvólvense nun baixo da avenida de España. A responsable do colectivo agradece o apoio dos propietarios: «Desde o primeiro momento dixéronnos que, mentres non o teñamos todo listo, non nos cobran o alugueiro». En canto insonoricen unha das aulas (e normalícese a situación xeral) poderán retomar tamén as sesións de bicicleta indoor.
Transporte adaptado
Antonio Carro (Régoa-Cedeira, 79 anos) é un dos cinco voluntarios do servizo de transporte adaptado de Sobre Rodas, cun vehículo financiado pola Obra Social a Caixa (12.000 euros) e o Concello (4.700, para a plataforma elevadora). «Levo dez anos, souben disto de casualidade», conta. Destaca a boa relación entre eles: «Facemos quendas de seis días seguidos, e se un día a un non lle convén vai outro, son moi bos compañeiros». Recollen aos usuarios (catro prazas e unha cadeira de rodas) na súa casa, lévanos á consulta ou a rehabilitación, esperan e devólvenos ao domicilio.
«Temos un servizo de 24 horas ao día, 365 días ao ano», subliña este camioneiro xubilado. A maioría das viaxes son a Ferrol ou A Coruña, pero tamén hai desprazamentos a Santiago ou Lugo. «Hai veces que temos unha viaxe pola mañá e outra pola tarde, e se fai falla acompañamos á persoa no hospital. E como temos unha autovía estupenda a Ferrol, sobre todo nas curvas de Landeira -ironiza-, sempre tes que saír cunha marxe de tempo».
Durante unha tempada eran só dous condutores. Antonio chegou a quedar só e tivo que trasladar a un socio durante 29 días seguidos a un hospital coruñés. «Saiamos ás seis da mañá», recorda, contento de poder axudar a veciños que o necesitan.