Mar repartirá 10.000 máscaras entre as lonxas dos seus portos

Os gardacostas entregarán o material atendendo ao volume de actividade de cada rula.

E. A.
REDACCIÓN

As lonxas non pecharon. Traballan tomando multitude de precaucións, pero funcionan. Non en balde son os centros de expedición do alimento san que necesita a poboación. Pero non sempre desenvolven o seu labor nas mellores condicións por falta de material de protección. Nese sentido non podería ser máis oportuno o anuncio por parte da Consellería do Mar de que se van repartir 10.000 máscaras de protección fronte ao coronavirus entre máis dunha trintena de rulas, aquelas que están asentadas nos portos de titularidade autonómica. Con isto, a Administración galega pretende contribuír a que o persoal das instalacións desenvolva o seu labor dunha forma máis segura e previr posibles contaxios.

A Xunta entregou o material ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que agora está preparando os lotes que enviará ás lonxas que continúan operativas. O número que se entregará a cada unha varía en función do volume de actividade que manteñan e da dispoñibilidade. Que se destinen a este servizo débese a que as lonxas «son servizo público necesario para o subministro de produtos de alimentación de calidade á cidadanía».

Na provincia da Coruña enviaranse máscaras a Ribeira, Cedeira, Portosín, Camariñas, Malpica, Porto do Son, Laxe, Muxía, Fisterra, Rianxo, Corcubión, Aguiño, Ferrol, Carnota, Cariño, Camelle, Barallobre e Espasante. En Lugo chegarán a Burela e Celeiro, mentres que as de Pontevedra irán a Portonovo, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Bueu, Cangas, Vilanova de Arousa, A Guarda, Redondela, Campelo, Moaña, Carril e á Cooperativa Ría de Arousa.

Mar subliña que a distribución de material constitúe un paso máis no apoio ás lonxas para reforzar a seguridade fronte ao coronavirus. A medida súmase ás pautas de actuación que marcou desde o primeiro momento ás confrarías galegas para manter a actividade con garantías e seguir fornecendo alimento á poboación.

Recomendacións

Entre esas recomendacións está a de reducir a actividade presencial nas lonxas, dando preferencia aos medios telemáticos e ao teléfono para a poxa; a de impedir o acceso ao recinto de poxa a persoal alleo á comercialización de produtos; a de limitar a medio centenar a presenza de compradores na poxa para evitar concentracións de xente, sempre gardando a distancia de seguridade entre persoas, e a de facer quendas para a pesada do produto.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Galicia, Mar de Cedeira, Peixes e Mariscos, Politica. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.