A demanda de percebe excedeu a oferta en pleno confinamento

As plataformas dixitais que operan en Cedeira non puideron atender todos os pedidos

As vendas de percebe derrubáronse por mor da declaración do estado de alarma, o 14 de marzo, e o peche obrigado da hostalería. A maioría dos percebeiros da zona acolléronse á prestación por cesamento de actividade e os poucos que decidiron seguir faenando lograron salvar os meses máis crus da pandemia do covid-19. De feito, en abril este crustáceo chegou a cotizarse a 108,5 euros o quilo na lonxa de Cedeira, onde se comercializaron 1.063 quilos, cunha facturación de 33.364 euros, o 84 % da obtida nas rulas da toda a provincia da Coruña.

Boa parte do produto que se poxou na lonxa cedeira canalizouse a través das plataformas de venda por Internet, como Percebes dCedeira, posta en marcha hai xa 15 anos por Agustín González Rivas. «Moitos preferiron agarrarse ao seguro e parar, e os que non tomaron decisións precipitadas foron actuando en función dos datos, e a realidade foise axustando», repasa. «Salvo a hostalería, que pechou, o que foi quedando foron clientes cun poder adquisitivo determinado, que atopaban solucións nas plataformas de Internet que podían fornecerlles percebe», abunda.

As vendas a domicilio creceron, con encargos de peixe e marisco desde toda España

De Cedeira saíron numerosos pedidos para toda España, en especial para Madrid e o País Vasco, «os dous mercados principais», segundo apunta González Rivas. O prezo incrementouse «porque non todas as lonxas estaban abertas e ao final, a demanda era moito maior que a oferta existente», sinala. Aos clientes habituais, que encargan este marisco con certa regularidade, sumáronse «outros moitos, moitos máis dos que se puido atender por falta de produto».

O problema da loxística

Os poucos profesionais do sector de Cedeira, Cariño e Meirás (Valdoviño) que continuaron en activo estiveron condicionados polo estado do mar, «coma sempre, con ou sen pandemia», subliña un deles. De aí a escaseza de existencias e a imposibilidade de cubrir todos os pedidos. O responsable de Percebes dCedeira advirte doutro problema: a loxística. «Se o custo puidese ser o normal habería unha explosión de posibilidades extraordinaria para toda a produción pesqueira e marisqueira de Galicia», remarca. Pero «faltan operadores suficientes para xerar unha competencia».

A maioría das empresas traballan con Seur Frío, que lles permite efectuar as entregas ao día seguinte. Cedeira Gourmet, pertencente ao Grupo Expomar, utiliza este servizo. «Sae de aquí ás seis da tarde e entre as 9.00 e as 13.30 horas do día seguinte está en calquera parte de España», explica Pamela Díaz, encargada de xestionar a web da firma. Durante o estado de alarma, incluso nas semanas de confinamento máis rigoroso, venderon percebe, outros mariscos e peixe, «sobre todo a Madrid, pero a todo o territorio».

A escaseza de produto explica os bos prezos alcanzados na lonxa cedeiresa

Díaz constata o crecemento das vendas a particulares -«ao principio parecía que se ía acabar o mundo e moitos compraban para conxelar»-, de percebe, pero tamén de centola, boi e peixe. Os pedidos aumentaron cando se autorizaron as reunións de ata dez persoas nas vivendas. «A xente, como non podía saír, dábase un capricho en casa. Con todo isto gañamos novos clientes, polo boca a boca, os habituais recomendáronnos a amigos e coñecidos. E como a xente era remisa a saír da casa, no canto de comprar no mercado, pedíanos a nós», detalla.

O produto chegáballes fresco e listo para cociñar ou para conxelar, posto que o Grupo Expomar, que conta con varias pescaderías, prepara o peixe «coma se estiveses na praza, fileteado ou en rodajas, e envasado ao baleiro». Algúns clientes encargaban pescada ou outro tipo de peixe e, a maiores, «medio quilo ou 300 gramos de percebe». O custo do envío, ata tres quilos de peso, rolda os 12 euros.

Marzo e abril, os peores meses

Os almacenistas resentíronse polo peche da hostalería e o parón xeral da actividade. A firma cedeirense A Traíña, que fornece de peixes e mariscos aos mercados centrais de cidades como Madrid ou Barcelona, viu caer os seus números. En abril moveu 20.000 quilos, fronte aos 34.000 do mesmo mes de 2019. «Marzo e abril foron os peores, agora estamos a empezar a remontar, pero ata xuño non vendemos percebe», explica a xerente, Cristina Prieto Lago.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Comercio Local, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Mar de Cedeira, Percebe de Cedeira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.