
Varios afectados presentaron follas de reclamacións
A. F. C.
CEDEIRA / LA VOZ 28/09/2020 05:00 h
Nas últimas semanas aumentaron as queixas de usuarios do centro de saúde de Cedeira polo atraso nas citas, tanto para as consultas como para a renovación das receitas. «No verán, a xustificación que se daba eran as vacacións dos médicos, pero agora xa non e é a segunda vez que chamo e danme vez para dez días despois. De feito, tiven que ir a urxencias, ao hospital», explica Carmen Rey .
Uns días máis tarde acudiu á farmacia a retirar un medicamento, pero informáronlle de que non llo ían a suministrar ata finais de outubro. «Entón pedín cita para que o médico mo cambiase e dixéronme que ata a semana seguinte, nada», relata esta veciña, que insiste en valorar o traballo dos facultativos. «Pero algo non está a funcionar ben». Outro usuario conta que tanto el como outros afectados presentaron follas de reclamacións no centro médico.