Adeus ao Patroa, que rexentou durante 50 anos o Salabardo xunto á súa muller.

A súa ansia por que chegasen as festas para comer roscón e pan de trigo valeulle o mote a este cedeirés.

Foto: Angel Manso

A. CUBA
CEDEIRA / LA VOZ 13/10/2020

«Se alguén che pregunta por Cedeira ‘e ti de quen ves sendo’. A neta ou ou neto do Patroa», comentaba onte desde Madrid Ana Simoneta Rubido, a maior dos seis netos de Manuel Loureiro, que se gañou o mote de neno pola ansia de que chegasen as festas para poder comer pan de trigo e roscón, como el mesmo contaba. A próxima fin de semana cumpriría 89 anos e o domingo acudiu ao bar Praza, como sempre, para tomar os churros con chocolate. Faleceu de súpeto, a última hora da tarde.

El e a súa muller, Antonia Leonardo, rexentaron durante medio século o Salabardo, o bar que abriran os seus pais no peirao en 1944. «Cos clientes moitas veces hai que perder a razón», recoñecía Manuel, que xa axudaba no negocio con 15 anos. «Era moi, moi traballador, e creo que o valor do traballo duro e ben feito foi un valor que nos transmitiu a toda a familia», destaca a súa neta maior.

Ana lembra que con dez anos, nas comidas familiares, o seu avó sentábase nunha cabeza da mesa e ela na outra. «No medio da comida facíame un xesto coa man sinalándome que el era o xefe da mesa e eu a xefa sucesora». O seu avó levábaa na moto ao Salabardo, na barra da bici ou na Renault 4 F4, «que conducía aínda que nunca chegou a ter carné». Tamén lle fabricou uns zancos de madeira, «os mellores de Cedeira», e montou unha randeeira para ela, os seus irmáns e os seus curmáns, que ía adaptando a medida que ían crecendo.

«Era un pouco chulillo —sorrí—, nadaba moi ben e de mozo saltaba dos mastros dos barcos, e na poxa do roscón de San Antón sempre llo quería levar […]. En agosto, o último día que o vin, ía pola Praza Roxa co tacatá [andador] que lle compraron, camiñando moi rápido e adiantándolles a todas as señoras maiores que tamén levaban tacatá, pero ían moi lentas». Ana evoca, como un dos maiores descubrimentos do seu avó, o móbil que lle regalaron hai cinco anos. «Chamábame todo o intre para mostrarme que sabía usalo. Encantáballe».

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.