Os alumnos de 4.º ESO presentan as súas propostas de gasto para 2021

Os máis novos de Cedeira tamén deciden a que se dedicará o orzamento municipal de 2021. O alumnado de 4.º de ESO do IES Punta Candieira traballa en diferentes ideas para propor en que investir 20.000 euros, nunha experiencia pioneira na localidade, impulsada desde o goberno municipal.
Entre as iniciativas expostas polos estudantes figura a creación dun parque de calistenia, un local de ensaios musicais, un parque canino e de adestramento, un fondo solidario para o instituto, a organización dun baile de fin de curso, unhas olimpíadas deportivas cos concellos próximos, unha feira de formación e emprego, actividades para as festas patronais, a publicación de traballos literarios, un autocine, unha boleira ou xogos de paint-ball.
Das 30 propostas finais dos tres grupos deste curso sairán as que se recollerán no proxecto económico do Concello para a súa execución o ano que vén.