A campaña de Nadal repartirá 2.600 euros en premios


«Merca Cedeira» é a nova marca coa que o Concello pretende impulsar o consumo no comercio e a hostalería local. Esta nova imaxe xurdiu do programa de dinamización destes dous sectores ideado polo goberno local. A iniciativa xurdiu entón e Concello e empresarios coinciden en que o Nadal «é a mellor ocasión» para empezar a utilizala, para promover o consumo nas tendas e os locais hostaleiros de proximidade.
O Concello desenvolverá unha campaña de promoción utilizando o slogan «Cedeira é», en carteis repartidos pola localidade, «para subliñar que a vila é gastronomía, mar, tradición…», explican desde o executivo municipal. «Merca Cedeira» arrinca cun sorteo de 2.600 euros en premios (un de 500, outro de 300, dous de 200, oito de cen e 12 de 50). Os 140 establecementos participantes na campaña repartirán cupóns para optar a estes galardóns, que os clientes deberán cubrir cos seus datos e o seu número de teléfono. O sorteo terá lugar o 11 de xaneiro.
A iluminación de Nadal acendeuse onte, e os comercios e os negocios de hostalería sumáronse colocando árbores con luces brancas, como xa ocorreu o ano pasado. Entre as novidades da iluminación do Nadal, o alcalde, Pablo Moreda, destaca a instalación dunha especie de teito de luces na rúa Real, «coa intención de devolverlle ao caso vello o seu esplendor». Resalta, ademais, a decoración do Palacete, cun sistema intelixente para o aceso de 2.500 luminarias led, «incorporado polo Concello por suxestión de Cristian Crespo, usuario de Apader».
O Concello agradece a súa colaboración e ilusión no proxecto. Na praza do Peixe hai unha árbore e repártense outros entre os dous puntos, ademais duns arcos e renos na praza de Galicia, «empregando sempre lámpadas tipo led para mellorar a eficiencia e a contaminación lumínica».