O pazo de Meirás xa é público

O Estado recibe o inmoble tras 82 anos en poder dos Franco

JOSÉ MANUEL PAN
REDACCIÓN / LA VOZ 10/12/2020 16:00 H 

Entrega das chaves do pazo de Meirás – Marcos Míguez

 O pazo de Meirás xa é público. Ao fío das dúas da tarde deste 10 de decembro do 2020, a xuíza Marta Canales entregou as chaves da que foi residencia estival de Franco ao Estado, representado pola Avogada Xeral, a galega Consuelo Castro Rey . Tal e como estaba previsto, na mañá deste xoves os avogados do Estado recibiron oficialmente o inmoble en execución da sentenza que condena aos Franco a devolver o pazo ao patrimonio público. A firma do documento que formaliza a entrega do edificio realizouse na biblioteca situada na torre da Quimera, a máis alta do complexo.

Antes, os técnicos de Patrimonio da Consellería de Cultura volveron revisar os bens mobles que hai no interior do pazo para comprobar que todo segue igual que o pasado 11 de novembro, cando examinaron o inmoble para realizar un inventario encargado pola xuíza, Marta Canales. Precisamente esta revisión obrigou a atrasar o acto oficial de entrega, previsto inicialmente para a unha da tarde.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nesa inspección comprobouse «que todo se correspondía co examinado o 11 de novembro». Ademais, aclarouse por parte da Avogacía do Estado que dous dos bens que constan no inventario, a Casa das Cunchas e o hórreo anexo a este inmoble, non forman parte dos reclamados pola Administración. 

Previamente á firma, o xulgado tamén informou as partes do escrito presentado este mércores pola familia Franco solicitando coñecer que bens poden retirar do pazo. A Administración Xeral do Estado debe determinar, nun prazo de vinte días hábiles, que bens deben entregarse aos herdeiros do ditador.

A entrega do pazo de Meirás ao Estado por parte do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña prodúcese en cumprimento da execución provisional da sentenza do 2 de setembro na que se acordou que o inmoble é un ben público.

O alcalde de Sada, Benito Portela, e cargos e militantes do BNG, entre os que se atopaban Néstor Rego e Ana Miranda, estiveron boa parte da mañá fronte ás portas do pazo no medio dunha incesante choiva coreando consignas contra os Franco.

Francis Franco, neto do ditador, asegurou este xoves que a biblioteca do pazo de Meirás foi doada ao seu avó pola viúva de Jaime Quiroga, o fillo de Emilia Pardo Bazán, despois de que este fose asasinado xunto ao neto da escritora nunha checa en Madrid.

Franco fixo estas declaracións nunha entrevista en Antena 3, recollida por Europa Press, tras ser preguntado pola biblioteca de Pardo Bazán, que conta cun total de 10.855 volumes pertencentes á colección da escritora.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Fotos Galicia, Galicia, Politica. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.