
O alcalde avanza que o orzamento de 2021 incluirá unha partida para atender a as empresas e autónomos que se quedaron fóra do programa PEL Reactiva
A Deputación e o Concello de Cedeira repartiron axudas por 137.741 euros entre 63 empresas e autónomos deste municipio, a través do programa PEL Reactiva. A Administración provincial financia o 80 % do importe e a entidade local, o 20 % restante. «Estas subvencións representan un novo empurrón para que os establecementos locais poidan superar as dificultades provocadas pola crise sanitaria», subliña o rexedor, o socialista Pablo Moreda.
Das 63 axudas do PEL Reactiva, dous ascenden a 3.000 euros, 29 a 2.500, 24 a 2.000, sete a 1.500 e unha a 741,71. Van dirixidas a negocios cuxa facturación se reduciu un 75 % ou máis debido ao parón da actividade derivado da pandemia, co fin de sufragar gastos realizados entre marzo e decembro de 2020, en materiais ou subministracións para a prevención do covid-19, alugueiro de locais, vehículos, maquinaria e instalación, seguros ou subministracións. A relación de beneficiarios pódese consultar na páxina web do Concello.
O alcalde lembra que o seu goberno «foi pioneiro ao lanzar en marzo un programa municipal de axudas para manter a actividade económica e os empregos na vila». E avanza que o orzamento de 2021 incorporará unha liña de axudas «para garantir apoio aos negocios afectados pola crise que non acadaron unha axuda do PEL Reactiva».