O froito hase desenvolvido, pero necesitará varios meses para gañar graxa

A. F. C.
CEDEIRA / LA VOZ 15/02/2021 05:00 h
A plantación de aguacates do cedeirés Andrés Sardiña Aneiros resiste, a pesar da adversa meteoroloxía. «A choiva, polo encharcamento, e o vento son os inimigos máis grandes, quitando as xeadas. O froito está desenrolado, pero fáltalle graxa, e failles falta para poder recollelos en maio. Antes, aínda que o froito teña un tamaño considerable, é moi acuoso. Aquí levan catro ou cinco meses de retraso respecto ao sur», explica este fruticultor afeccionado.
Plantou un centenar de aguacates nunha leira de tres mil metros cadrados en Esteiro, á beira do mar, e outros 15 noutra parcela, con máis especies.
Sardiña lembra que «isto é algo experimental», consciente das dificultades dun cultivo «fóra do seu hábitat propio», que se reflectirá na produción, «a metade que no sur de España ou México». Este ano tamén plantou nun terreo de Feás, en Cariño: «Perdín todo, saíronme moitas árbores defectuosas e untivoceira parte enfermaron, e como non puiden pechar a finca, os xabarís estragaron todo. Aos teixos gústalles moito o aguacate, aos xabarís non, pero cando se lles acaban o millo, as castañas e as belotas, van co resto, róenos, e aínda que non os comen totalmente, arráncanos».
De momento, non desiste, a pesar de ter perdido uns seis mil euros (da compra das árbores) e o tempo de traballo dedicado: «Volverei intentalo, non por criterios económicos […]. Ás veces somos un pouco bohemios».