A metade das intervencións efectuadas tiñan relación coa alerta epidemiolóxica

LA VOZ
CEDEIRA 15/02/2021 05:00 h
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cedeira bateu todas as súas marcas en 2020, coa cifra máis alta de operativos desde a súa fundación, no ano 2000, debido á pandemia. Das 221 intervencións realizadas, 108 estiveron relacionadas coa alerta epidemiolóxica, como se detalla no informe anual da formación.
Destaca a colaboración co departamento municipal de Servizos Sociais para entregar medicamentos e alimentos a persoas en situación de vulnerabilidade, a repartición de máscaras solidarias, a recollida de pantallas de protección facial, a repartición de material a alumnos do colexio e o instituto, as visitas a menores polo seu aniversario, a desinfección de lugares públicos e infraestruturas ou o traslado de pacientes para a realización de probas.
Os labores preventivos caeron drasticamente, pola suspensión de festas, actos deportivas, eventos gastronómicos ou celebracións como o Samaín ou as cabalgatas. O resto de intervencións tiveron que ver con incendios urbanos e forestais (11), a retirada de árbores ou ramas na vía pública por causa dos temporais ou a recollida de animais. En 2020 apenas eliminaron niños de velutina, debido ao convenio subscrito por Concello e Xunta.
O presidente da agrupación, Alberto Díaz, resalta as 33 intervencións de axuda a persoas en situación difícil, que abarca procuras ou apoio a maiores que sufriron caídas no seu domicilio, «ben por vivir soas, ben a solicitude dos coidadores que, pola idade ou polo peso, non podían levantalos». A agrupación resalta o seu compromiso co comercio local.