
A Policía Local e a Garda Civil formularon numerosas denuncias a locais e particulares por infraccións da normativa anti covid-19.
O incremento da poboación e, sobre todo, do tráfico, reflíctese no parte de intervencións da Policía Local de Cedeira. Durante as dúas primeiras semanas de agosto, interveu en nove accidentes de circulación, todos de danos materiais. Nese mesmo período, a Garda Civil actuou en polo menos outro sinistro, pola noite, cando non hai servizo policial.
«E isto só na zona urbana, e do que temos constancia nós», precisa Alberto Díaz, oficial xefe do corpo. Nesa mesma quincena multiplicáronse as denuncias por incumprimento da normativa covid-19, tanto a locais de hostalería como a particulares, por parte da Policía Local e da Garda Civil.
Nas xornadas previas ás festas (sen verbenas nin eventos significativos), de vinte locais inspeccionados, once foron sancionados. Nas dúas primeiras semanas deste mes, a Policía Local de Cedeira tramitou unha denuncia por violencia de xénero e unha proposta de retirada da autorización para conducir a un home implicado nun sinistro, «que non dispón das aptitudes físicas necesarias para iso».
Tamén interveu nun conflito entre familiares, un accidente laboral ou senllos incendios nunha vivenda e nun vehículo.