José Manuel Sierra, Chema: «É excepcional que xee máis nas zonas costeiras de Ortegal que na Faladoira, e durante tantos días»

José Manuel Sierra Pernas estudou Xeografía, é horticultor e vive con paixón a meteoroloxía
José Manuel Sierra Pernas estudou Xeografía, é horticultor e vive con paixón a meteoroloxía ÁNGEL MANSO

O ‘home do tempo’ da comarca pronostica un febreiro «non moi húmido», pero frío, con posibilidades de que neve ao nivel do mar

n meteoroloxía, nada é normal e todo é posible. «Pero levamos un período con moitísimas xeadas no Ortegal, incluso ao nivel do mar. De feito, xeou máis ao nivel do mar que na Faladoira, a zona máis alta da comarca, baixou de cero graos en moitos puntos da costa e non arriba», sinala José Manuel Sierra Pernas, Chema. Naceu hai 37 anos en Couzadoiro (Ortigueira), onde traballa como horticultor, estudou Xeografía e vive con paixón os fenómenos ligados á meteoroloxía. Esa afección e o feito de compartir datos e previsións a través de Facebook (na páxina Meteo Ortegal) valeulle o apelativo de «home do tempo de Ortegal».

—A que se debe que xee máis no litoral que nas zonas altas?

—Débese ás inversións térmicas. A temperatura media das mínimas vai quedar moito máis baixa, de media, nas zonas de costa que nas altas, onde anda máis ou menos na media. Falo das mínimas, pero na temperatura media tamén é parecido. Libramos un pouco na media deste mes porque tivemos temperaturas moi altas os primeiros días de xaneiro, e iso fixo que non houbera moita variación entre as mínimas e as máximas. Eses primeiros días compensaron moito o resto do mes. Se non, quedaría como un mes bastante frío. Parece mentira que estea facendo tanto sol. Pero cando o tempo é húmido e chove, de noite a temperatura non descende moito, queda similar á do día. No val de Couzadoiro, a maioría das noites que xeou botamos 12 horas baixo cero.

—Doce horas…?

—Empeza a baixar ás cinco da tarde, ás nove ou ás dez xa te metes baixo cero, e pola mañá, ata as nove e media non pasas por encima de cero. A temperatura máis baixa nunha noite normal de inversión térmica dáse xusto ao amencer, entre as nove e as nove e pico, antes de que saia o sol. Estar nove ou dez horas baixo cero soe pasar en calquera xeada. O excepcional [deste xaneiro] é que ocorra polas zonas costeiras, e que sexa tan prolongado. Xaneiro é o típico mes de anticiclón, e por iso din ‘xaneiro xeadeiro’, pero é máis normal cando falamos de toda a Península. Na nosa posición podemos ter un bloqueo que pode durar dez ou quince días, pero non tanto. Levamos cunha persistencia de bloqueo anticiclónico bastante tempo. Xa no mes de decembro tivemos algo, despois houbo un parón e logo volvemos ao patrón de bloqueo. E aínda seguiremos así todo este mes.

—Ata cando?

—A ver se empezan a cambiar as cousas a semana que vén, pero non está moi claro, parece que se atisba algo a partir do 5 de xaneiro, espero que si. Mola ver xeadas, pero xa aburre.

—Para o campo teñen vantaxes…

—Si, para os fungos e para todo tipo de pragas, moita bichería que se refuxia e se esconde, e con todo isto está sufrindo moito. Incluso para as velutinas. Cando os invernos veñen máis duros hai menos ou tardan máis en saír, porque se refuxian na terra, as raíñas gárdanse e se lles vén moito frío acaban morrendo. Pero as xeadas, cando son tan intensas e tan seguidas, tampouco fan ben a algúns cultivos. Aínda que o grelo se adapta ben ao frío, pero día tras día, acaba queimándoo. Incluso acaba danando os repolos.

—Cal foi a mínima da comarca de Ortegal e onde?

—En Couzadoiro chegamos a menos dous grados varias veces. Pero estou seguro de que o sensor que teño en Segade [Mañón] marcou menos, porque o día que o puxen marcaba menos dous e en Couzadoiro había menos un. Así que debeu chegar a menos tres e de aí para abaixo. Pensei que Couzadoiro era o sitio máis frío da comarca, pero Segade é máis frío porque tamén é un val, pero está a 200 metros máis de altura.

—No Porto de Bares acadouse unha mínima de 4,4.

—En Bares é moi difícil que baixe moito máis a temperatura, porque sempre hai algo de vento e brisa, é difícil que chegue a xear… Non así en Cedeira, Ortigueira ou Cariño, onde estes días estaba todo branco. En Senra [Ortigueira] chegouse a menos 0,2 ou menos 0,3, e moitos invernos non se acadan eses niveis. O raro, o significativo é que no mes de xaneiro, en catro ou cinco días, a temperatura baixara de cero graos na ría de Ortigueira. En Bares hai mar dun lado e do outro, e a temperatura do mar sempre é máis alta […]. Sorprendeume que en fin de ano, en Bares non se baixara dos 20 graos ata as tres da mañá, na estación da Aemet [Axencia Estatal de Meteoroloxía]. Ter unha noite tropical é algo excepcional en calquera momento do ano na nosa zona.

—Ten algo que ver con que veñamos dun verán de pouco calor?

—O pico de calor veu máis ben en setembro, coa temperatura máis alta do ano. Non ten que ver, pero ao mesmo tempo, na meteoroloxía xa din os vellos que ‘un tempo paga outro’. O mesmo que agora levamos un tempo de bastante seca, cando cambien as cousas, seguramente imos botar tres ou catro semanas seguidas de choiva. É probable, porque soe compensar así, ás veces, tras un verán húmido vén un outono seco. Se vas vendo as medias anuais, acaba compensándose.

—Cando foi o último xaneiro parecido a este?

—Ten habido xaneiros así. No 92, estivo todo o mes xeando, incluso máis ca este, e case non choveu gota. No 2018-19 tivemos un período similar de tres semanas, pero comprendeu dúas de decembro e unha de xaneiro, cunha mínima de menos 3,9 en Couzadoiro. Aínda así, estudando meteoroloxía ensínanche que é moi típico que na Península se instale un anticiclón en xaneiro e que dominen as altas presións. Nalgunhas zonas da Península é o mes no que menos chove.

—Pero aínda nos queda moito inverno…

—O inverno aínda vai vir. Co frío que houbo, se seguimos con esta tendencia ao mellor febreiro non é moi húmido, pero si imos ter unha entradiña de neve, que tamén fai falta. É probable. Europa está moi fría, porque este anticiclón favoreceu que nós estivéramos protexidos, pero Europa do Leste estivo recibindo constantemente entradas frías, incluso estivo nevando en Grecia e noutros puntos do Mediterráneo. Cando aquí temos isto, noutros sitios teñen o contrario, porque o anticiclón, ao posicionarse, bombea os aires do Norte cara ao Leste noso. Aquí, se lle dá por meterse algunha masa de aire de orixe continental vai ser moi fría, e é probable que pase… A ver se nevara ao nivel do mar. Ten que tocar, por estatística… Para iso téñense que dar certos condicionantes, depende de como se posicionen as pezas.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.