«Paco tiña vergoña, a primeira vez que foi disfrazado en Cedeira tívenlle que dar un litro de guinda»

Paco e Fina, con Farruco, o can, que é case tan coñecido en Cedeira coma eles I. F.

Francisco Lorenzo, Fiambreiras, e Fina Fernández forman unha das parellas máis entroideiras de Cedeira. Vivían con entusiasmo os bailes da sala Tres de Ouro

«Aprimeira vez, a Paco, para ir disfrazado tívenlle que dar un litro de guinda porque tiña vergoña», recorda Fina. Non se sabe se polo efecto do licor caseiro ou por que, pero gozou tanto que se converteu nun dos maiores entroideiros de Cedeira. El preséntase como Francisco Lorenzo Pousada, «para servir a Dios y a usted». Naceu no barrio de Alcacer, na vila cedeirense, hai 82 anos. «Tiñamos unha panadería, Elías, por meu pai, que foi o panadeiro máis famoso que houbo en Cedeira. Antes fora albanel», relata. Traballou en pesqueiros, de baixura e tamén por medio mundo, primeiro de mariñeiro —«téñoo pasado mal, tocoume estar en Irlanda nun arrastreiro cun temporal peor ca este último de Terranova»— e despois de cociñeiro, oficio que lle valeu o alcume de Fiambreiras.

«Nun barco que non tiña cociña a bordo levabamos a comida nunca fiambreira, e eu, en vez dunha levaba catro, e puxéronme Fiambreiras. Así me coñece todo o mundo», explica. Tamén foi camareiro e cociñeiro en terra, repartidor de La Voz de Galicia pola vila de Cedeira —«moitos anos, vendíalle o periódico incluso aos analfabetos»— e mesmo futbolista, coma os seus irmáns —«xoguei con Endériz, un uruguaio que estivo no Cedeira, no Valladolid, no Zaragoza e ata no Barcelona; e unha vez xoguei con Amancio, nun partido de veraneantes contra os de aquí»—.

Fina Fernández Fernández ten 73 anos. Naceu en Esteiro (Cedeira). Aprendeu a coser con María Victoria e durante 36 anos traballou de perruqueira, e cando non había clientas aproveitaba para tecer. Despois fixo un curso de tapicería (e outro de modista) e leva vinte e dous anos de oficio: «E sigo tapizando, necesito estar ocupada». Ela xa se disfrazaba de cativa, coas amigas e coas súas irmás xemelgas, e ten levado premios. «A primeira vez que convencín a Paco para vestirse, sendo mozos, foi de camareiro, e no baile, a xente, como fora camareiro, dicíalle ‘unha cervexa, unha botella de champaña…’, e el anotaba no bloc…», lembra.

«Foi Fina a que me meteu no allo… se non ía disfrazado para min non era carnaval», recoñece. Botaron máis de vinte anos trunfando no entroido cedeirense. Á porta da sala de festas Tres de Ouros (onde está agora o supermercado Eroski) esperábanos o día do carnaval con expectaciónO ano que foron de noivos, Fina comprou en Ferrol dous traxes, «baratísimos, de oferta, a 50 pesetas cada un», para facerlle un a Paco, «porque era tan gordiño…». Outra vez púxolle un camisón da súa nai e un gorro de durmir, e mercou na ferraxaría un ouriñal —«moi barato porque estaba chafado dun lado»—, meteu unha restra de chourizos cativos e botoulles Tío Pepe. «Colleron unha cor tan fea, que a xente dicía ‘que noxo!’», apunta Fina e rinse os dous. Unha vez foron ao baile da Ría, en Mera, caracterizados de dona Croqueta e don Ciruelo.

Foto do seu album

A Paco, forte, sempre lle tocaron os papeis de muller, e a Isabel, miúda, os de home. Cando ela se ataviou de Chaplin e el foi de bailarina, «cunhas peitugas moi feitas con dous globos», chegou un primo, abrazouno e estoupoulle un. Elisa de Brocos, cando o veu, díxolle «Paco, fáltache unha teta», ao que el respondeu «chupouma Hacienda», e esta veciña case morre coa risa. «Témolo pasado moi ben, temos ido ao baile e chegar ao día seguinte para comer na casa dos meus sogros, e quedarnos durmidos na mesa», repasa Fina.

«Fastidiounos a pandemia», lamenta. Paco leva dous anos sen apenas saír da casa, por mor do covid e dos problemas de mobilidade. Pero non se lle foron as gañas de entroido. «Pasábase ben con calquera cousa —evoca Fina—, a ver se para o ano…». O álbum de fotos da voda gárdano no faiado, pero o do entroido téñeno no salón. Tamén ían de troula na Noitevella, ata o amencer, e polo San Antón. Paco, aínda solteiro, ten subido ao monte de punta en branco e baixar coa roupa tinguida de viño tinto. «Téñoo pasado tan ben…».

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Entroido, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Politica, Politica Local, Turismo, Turismo local, Xente de Cedeira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.