Suárez Aneiros: «O camiño de Santo Andrés de Teixido facíase andando e, ademais, cantando»

RAMÓN LOUREIRO

FERROL / LA VOZ

Suárez Aneiros, no paseo fluvial da vila de Cedeira JOSE PARDO

Xosé Antonio Suárez Aneiros (Cedeira, 77 anos) vén de publicar o Cancioneiro de Santo Andrés de TeixidoUn libro, editado pola Asociación Cultural Terras do Ortegal co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, no que recupera, despois de longas décadas de traballo constante, a memoria musical da peregrinación ao último lugar, Cabo do Mundo, no que, cada día, as campás do Poñente europeo ven marchar o sol. Nin que dicir ten que Suárez Aneiros, mestre moi querido, poeta e musicólogo, é un gran devoto de santuario ao que «vai de morto quen non foi de vivo». Quérelle moito. E unha forma máis de demostrarlle a San Andrés de Teixido o seu afecto é ter recuperado, para a posteridade, as cancións dos romeiros.

—Unhas cancións que, na forma na que teñen chegado aos nosos días, proceden, na súa maioría, dos séculos XIX e XX.

—Si, así é, aínda que tamén as hai do XVIII.

—Que importancia ten a música na tradición na peregrinación a Teixido?

—Unha importancia moi grande. Non se pode esquecer que a o camiño de Santo Andrés de Teixido facíase andando e, ademais, cantando. O que ocorre é que a xente que vai camiñando xa é, a día de hoxe, moi pouca. Os romeiros van nos coches, ou en autobús. Por iso no camiño non se canta.

—Entón, a tradición morreu?

—Non, morrer tampouco morreu. É máis: a tradición musical vinculada á romaría segue estando moi viva. O que ocorre é que agora quen canta faino, sobre todo, ao chegar a Teixido.

«A romaxe é algo que vén, a través do tempo, desde o máis fondo da nosa cultura»

«A romaxe, a peregrinación ao lugar santo —di Xosé Antonio Suárez Aneiros—, é algo que vén, a través do tempo, desde o máis fondo da nosa cultura. Aí está o noso gran camiño de peregrinación, o de Santiago de Compostela…!». «E no caso de San Andrés —engade o investigador—, hai que lembrar que estamos a falar dun centro de peregrinación ao que xa se ía moito antes da chegada do cristianismo».

—Seguirá habendo peregrinación a Teixido no futuro? Poderá sobrevivir a tradición da romaxe ao paso do tempo?

—Non teño ningunha dúbida de que será así. Non ten vostede máis que mirar a vitalidade que ten Teixido hoxe. Pode que houbese cambios, e que se incorporasen outros elementos que antes non existían, como a motivación turística, pero a vitalidade segue sendo a mesma. Santo Andrés de Teixido xa está na eternidade.

—Os seus traballos sobre o santuario véñense sumar a outra tradición máis: a tradición investigadora sobre San Andrés.

—Así é. Por sorte, sobre Teixido leva investigado moitísima xente, desde o propio Federico Maciñeira ata Rafael Usero, Ballesteros, Mandianes ou o mesmo Carmelo Lisón Tolosana. É unha sorte que así sexa, porque Teixido é un lugar moi especial. Eu, máis alá do que atinxe á fe, que é algo que tamén eu teño, podo dicir que cada vez que volvo a Santo Andrés percibo que estou nun lugar marabilloso.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Advertisement
Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Xente de Cedeira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.