
José Antonio Vilela Rodríguez pretende recuperar a contorna da ermida para #gozar «de todo o pobo, para toda a vida»
José Antonio Vilela Rodríguez (Cedeira, 1945) reside en Miami e leva anos asentado en Estados Unidos, onde recalou cunha bolsa para traballar na NASA, despois de licenciarse en Telecomunicacións en Madrid. Regresa á súa vila natal con frecuencia e na súa última visita, a finais de marzo, decidiuse a impulsar un proxecto que lle rolda desde hai tempo. Animado polo seu amigo José Germán García Veiga e pola súa devoción a San Antonio de Corveiro, está disposto a comprar os montes que rodean a capela para cedelos ao Concello cun único requisito, a creación dunha área recreativa e un miradoiro.
«Xa o tentou outra vez, pero a maior dificultade que atopou é que a propietaria da maior parcela negouse a vender […]. Pero uno destes días, cando subimos alí, díxenlle ‘tes que retomalo’. Agora, a idea é comprar o terreo que está no lateral da capela, ata a fonte, e polo outro lado, tres leiras pequenas, pegadas a unha que xa é municipal», explica García Veiga.
En total, rolda os 80 ferrados (uns 40.000 metros cadrados). Inclúe a parte situada por baixo do cruceiro da parcela da ermida, cara ao cantil. «Aí abaixo é onde quere que o Concello faga un miradoiro coas pedras de cantería que hai arriba», agrega. O seu amigo Vilela Rodríguez, que o ano pasado doou 20.400 euros para reparar a capela, está disposto a adquirir o monte, co obxectivo de tallar os eucaliptos e os piñeiros (os donos terían que vender antes a madeira) e acondicionalo como área recreativa, e habilitar o miradoiro.
«A propiedade pasaría a ser do Concello de Cedeira, para beneficio de todos os veciños, de todo o pobo, para toda a vida», recalca o seu amigo, que exerce de portavoz. Xa mantiveron unha reunión co alcalde, Pablo Moreda, a quen agradece a súa boa disposición. «O que quere [Vilela] é recuperar as vistas e que a xente poida gozar da beleza de San Antonio», reitera.