
Unha concentración especial
A pasada fin de semana Narón converteuse no epicentro dos afeccionados ás motos, aínda que en realidade toda a comarca viviu unha invasión moteira das que chaman a atención e mobilizan a moita xente. O venres e o sábado o paseo marítimo naronés foi o lugar no que se centraron o groso das actividades organizadas polo club Fojeteiros de Narón. José María López Quintián, presidente do club moteiro organizador, definiu onte o vivido durante a fin de semana como «espectacular», á vez que confesaba que a punto estiveron de verse desbordados pola masiva afluencia de participantes sinalando que «superaronse con fartura as previsións iniciais. Aínda así o comportamento da xente foi de cinema».

Pero Narón non só encheuse de motos, tamén de moitísima xente que se sumou aos concertos, como o protagonizado polo grupo A Garda, e as bandas locais Coiro e Laca e Malditos Pendejos na noite do venres, e gozou das exhibicións realizadas no paseo de Xuvia. Foron miles de persoas as que quixeron vivir de preto o ambiente de camaradería que se xera en eventos como este que alcanzou este ano a súa décimo quinta edición. Tras dous anos de parón pola pandemia, a concentración terminou o domingo cun roteiro na que moitos dos participantes, antes de retornar aos seus lugares de orixe, visitaron Valdoviño e Cedeira. A Praza Vermella da vila cedeirense rexistraba un cheo absoluto. Desde Fojeteiros agradecen o bo comportamento de participantes e público e comezan a preparar a próxima edición.