Acusan o Goberno galego de “censurar” e “prohibir” protestas contra os recortes nos centros de ensino

Unha manifestación decorrida en Cedeira esta segunda feira contra os recortes no ensino. (Foto: Nós Diario)

A CIG-Ensino exixe o “cesamento das presións por parte da Administración á comunidade educativa” e insta a “manter e incrementar” as mobilizacións.

As protestas en diferentes centros educativos do país están a marcar o inicio dun curso escolar no que o profesorado alerta da falta de medios. Unhas mobilizacións que, segundo vén de denunciar a CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector, o Goberno galego estaría intentando acalar.

Antes de se retomar as aulas, afirma a CIG nun comunicado, “a Administración educativa, a través das inspeccións, estaba facendo chamadas á dirección dos centros con ameazas para tratar de paralizar calquera reivindicación”.

Unha das concentracións convocadas para esta sexta feira, unha sentada que o alumnado do IES Punta Candieira de Cedeira está a organizar nos recreos, foi finalmente “prohibida” de agora en adiante, segundo o sindicato.

O motivo das protestas, sostén, é a “supresión de profesorado feita pola Consellaría neste centro”, uns “recortes”, precisa, que supoñen “un prexuízo para o alumnado ao imposibilitar desdobramentos, obrigar a que determinadas materias, mesmo do bacharelato, sexan impartidas como afíns ou ter aulas saturadas”.

“O alumnado, como toda a comunidade educativa, está no seu dereito a facer as reclamacións e mobilizacións que consideren oportunas e iso debera tamén formar parte do que é a formación dun espírito crítico”, engade.

Na mesma liña, desde CIG-Ensino subliñan que “en democracia ningunha administración está lexitimada para coartar ou impedir por ningún medio a libre expresión ou manifestación da cidadanía”, co obxectivo de demandar uns medios e recursos “necesarios para o bo funcionamento dos servizos públicos”.

En consecuencia, a central sindical exixe o “cesamento das presións por parte da Administración á comunidade educativa” e que a Consellaría dirixa os seus esforzos a “garantir un ensino público de calidade”.

Ao mesmo tempo, convida todos os sectores afectados polos recortes a “manteren e incrementaren as protestas”, e advirte que perseguirá “calquera pretensión involucionista por parte da Consellaría”.

link: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/denuncian-censura-protestas-centros-educativos/20220909151658152011.html?fbclid=IwAR3k6CDG138JH-uDd0OYWSxu-TbGHyikNM192uqEFP08Q1aFuRmqB_ml9I0

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Cursos, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Politica, Politica Local, SOS IES Punta Candieira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.