Candela Martínez Pernas, remeira de Cedeira: «Estudar en Estados Unidos é un soño de moita xente»

La Voz de Galicia

ANA F. CUBACEDEIRA / LA VOZ

Esta cedeira de 16 anos pode ter a opción de entrar nun equipo de remo dalgunha universidade norteamericana

A cedeiresa Candela Martínez Pernas ten 16 anos, estuda 2.º de Bacharelato de Humanidades no IES Punta Candieira (non ten claro se tirar polo xornalismo ou pola historia) e leva uns sete anos no Club de Remo Cedeira, que destaca polos bos resultados con Chema Leonardo como adestrador. «Comecei porque unhas amigas tamén se apuntaran. Eu ía a natación pero non me entusiasmaba, non escoitara falar do remo antes, apunteime para probar e aquí me quedei», conta. A súa é a modalidade de banco móbil: «Dentro diso, remo en skiff, vou nun bote eu soa».

—Logo empezaches a competir.

—Comecei en decembro e ao ano seguinte, en xuño, fun ao campionato galego, quedei segunda, e despois no de España, terceira. A partir de aí foi cada vez a máis.

—E a partir dese inicio tan bo…

—Nos seguintes campionatos galegos quedei primeira, en todos menos nun no que fun segunda, e nos de España tiven medallas de bronce, ouro, prata…

—Como se consegue?

—Creo que cando acabas un campionato no terceiro posto dáche a motivación para acadar un posto mellor no seguinte.

—Pero aparte de que che guste hai que ter unhas condicións.

—Cando comecei só facía ergómetro (unha máquina que simula a acción de remar) e banco fixo no peirao de Cedeira. Ata que o meu adestrador me propuxo ir ao banco móbil. Sempre fun unha nena alta e no remo tamén importa a altura e as proporcións. A partir de aí, cos adestramentos (cinco ou seis días á semana, dependendo do momento da temporada) e con constancia notei que ía mellorando, non se me daba mal…

—Como te organizas?

—En Bacharelato tes máis presión e exames… ás veces é máis complicado, sobre todo porque as concentracións co equipo nacional cadran en época de exames e as competicións da liga galega son case todas en domingos, non é fácil sacar tempo para estudar. Como che gusta valo levando.

—Que che aporta o remo?

—Nótoo, sobre todo, cando teño un día de descanso ou no medio mes de vacacións do verán, despois da concentración co equipo nacional. É como que non gasto enerxía e estou moito máis activa, non sei que facer. Probei moitos deportes antes e cansábame deles, non me atopaba a gusto. Cando tes que madrugar en días de frío para ir adestrar non che apetece, pero cando estás alí xa non pensas niso e disfrutalo.

—Cal é o obxectivo este ano?

—Volver entrar na selección española o verán que vén e en Semana Santa. Xa me convocaran no 2019 e no 2020, era a máis pequena de todos, tiña 13 anos e era para xente de 17 e 18. Despois veu a pandemia, e ao ano seguinte conseguín entrar na concentración de verán, que é a que val para facer os botes que van ás competicións internacionais. Sendo aínda cadete de segundo ano fun competir a Austria na Copa da Xuventude, quedamos cuartas en dobres, e este ano volvín, foi en Ourense, e quedamos segundas e terceiras.

—E a partir de agora, que? Remo, universidade...

—Nunca tiven dúbidas de que do remo non ía vivir. Teño que decidir que facer. A intención é seguir compaxinándoo, teño a opción de ir a Sevilla, ao Centro de Alto Rendemento (CAR), danche becas para quedar interna ou proporciónanche un bote e un club para seguir adestrando pola túa conta. Quedarme en Galicia, seguiría co remo, buscaría un club que me quedara cerca. Ou irme con algunha beca a Estados Unidos. Contactan contigo universidades cando acabas un campionato internacional no podio e ven a túa traxectoria, por se estás interesada. Aínda dependerá dos resultados que teña esta temporada.

—Apetéceche esa opción?

—A miña compañeira Raquel foise en agosto, e está estudando en California, moi contenta. Hai equipos de remo moi importantes, con xente moi boa, facilítanche moito as cousas estando nunha universidade e no equipo. Aínda non teño claro que vou facer, cada opción ten pros e contras. Estudar nunha universidade de Estados Unidos e ó soño de moita xente, pero supón irte moi lonxe durante varios anos cun idioma diferente, con adestramentos distintos… Meus pais apóianme decida o que decida.

Link: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2022/10/20/span-langglestudar-estados-unidos-e-sono-moita-xentespan/0003_202210SL20F24991.htm

Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Deporte e Saude, Deporte na rúa, Deportes, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Xente de Cedeira. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.