Marea branca, marea negra

ESTHER MATO FONDO

MÉDICA DE ATENCIÓN PRIMARIA NO CENTRO DE SAÚDE DE MONTE ALTO EN A CORUÑA

Álvaro Ballesteros | EUROPAPRESS

Pasaron 20 anos daquela marea negra que ameazou a vida da nosa xente, que envelenou a nosa natureza e que debuxou nos nosos rostros un interrogante aínda presente coma un rictus. O relato oficial dos feitos que acaecían a diario na nosa costa foi a primeira constancia que tivemos da desinformación descarada dos políticos gobernantes que intentaban silenciar a dor da nosa xente do mar, mentres os coídos da Costa da Morte choraban lágrimas negras, e sen facer nada atinado. As decisións foron políticas, pero á fin ninguén nos gobernos dimitiu. Foron as mans da xente do mar e as da gran marea branca de solidariedade que aquí chegou as que limitaron o gran desastre.

A pregunta que nos marcou para sempre foi: como cabe tanta mentira cando se xoga coa vida das persoas? Podemos pasar de novo por iso? Pódese negar a evidencia? Pasaron poucos anos para ter a contestación e poder ver que si, que é posible, porque a pandemia nos estoupou na cara, con miles de mortes da nosa xente máis querida, a xente que pasou unha guerra, que pasou fame para salvar o país, que viu emigrar aos seus fillos, e aqueles que traballaron arreo para ser nais e pais ao mesmo tempo que avós. Mentres morrían en soidade nas residencias de maiores sen os coidados precisos e necesarios, entre fríos mármores nos que que se coidan máis as plantas ornamentais do hall da entrada que as persoas fráxiles que acollen, o relato oficial negaba sistematicamente o tránsito mortuorio desde a capital do Estado cara os fornos crematorios dos tanatorios periféricos. Porque si, en Madrid foi peor.

Na parte do país con maior renda per cápita os recursos sociosanitarios eran máis deficientes, os recortes sanitarios precedentes esquilmaran todo o material sanitario básico e os recursos humanos non daban abasto. O tempo demostrounos que mentres a realidade diaria se negaba elaborando o discurso da desinformación, algúns negociaban e se enriquecían con material sanitario de dubidosa procedencia. O recorte sistemático do persoal sanitario nos últimos anos, sobre todo na atención primaria de saúde e nas urxencias hospitalarias, xa se viña denunciando, pero cristalizou a partir dese momento e todo o sistema sanitario colapsou. Paralelamente, a medicina privada medra no día a día e recibe centos de millóns dos presupostos da sanidade pública, pero négase que exista unha privatización da sanidade desde os circuítos oficiais.

Hoxe unha nova marea branca de solidariedade avanza no Estado reivindicando unha sanidade pública universal e gratuíta para todos, con gran presenza das asociacións veciñais, que xa se fan eco das manifestacións do persoal sanitario. Temos que ser capaces de que a sanidade pública non navegue cara unha nova catástrofe.

Nunca máis.

Link: http://www.lavozdegalicia.es

Advertisement
Esta entrada foi publicada en 20 anos do PRESTIGE, Cedeira, Comarcas, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Pesca, Politica, Politica Local, sucesos. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.