O Prestige da incompetencia

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

MAÑÁ EMPEZA HOXE

Álvaro Ballesteros | EUROPAPRESS

Todas as autoridades políticas responsables da catástrofe do Prestige ascenderon. Todas. Lembrou estes días o xornalista X. M. Pereiro a chocante reafirmación política que coñeceron os que mandaron o barco ao quinto pino, ignorantes de que no Atlántico norte non había árbores. Tampouco a xustiza os tocou. O tribunal só condenou ao capitán Mangouras, a quen as autoridades acusaron desque aterrou en Alvedro de ser o único culpable. A reafirmación partidaria dos que cometen erros e desatinos políticos segue sendo unha das peores pexas da política española. A aparencia pode con todo e aquí finxir sempre é mellor que recoñecer. Se ninguén dimitiu, ninguén foi cesado e ninguén foi condenado, non pasou nada. Disimulemos, logo. Fagamos así coma quen.

Non deixa de ser pavero o asunto porque, por moito que se esforcen, vinte anos despois lembramos as caras, as palabras e as accións dos responsables e sabemos, sen moitas dúbidas, que pasou e por que se encheu de chapapote a costa. Sabemos que non foi o capitán o que marcou un rumbo errático do buque no medio dun temporal, primeiro cara o noroeste e logo en dirección suroeste, repartindo o piche por toda a fachada atlántica galega.

O desastre de hai vinte anos non foi causado pola natureza senón que a destruíu. Foi obra da absoluta incompetencia de quen tomou as decisións. Esa foi a palabra máis repetida naquelas masivas mobilizacións que lograron condicionar a desastrosa xestión e que levaron ás costas milleiros de voluntarios e voluntarias de todas partes. Peor que sós, os galegos estabamos tan mal acompañados que decidimos desfacernos do lastre. Entre o día 13 de novembro que comezou a emerxencia e o día 1 de decembro que se produciu a grande manifestación de Santiago, en toda Galicia medrou a indignación pública diante daquel disparate, abonda repasar as portadas deste xornal dos días 14, 15 e 16 para situarnos.

A incompetencia demostrada polas autoridades encargadas de xestionar aquela catástrofe foi de tal envergadura e a reacción social e política galega tan profunda que tivo como consecuencia máis elocuente o cambio de Goberno nas eleccións do 2005. A incompetencia das autoridades estatais e galegas do partido no Goberno mesturouse con desinterese e adobouse cunha manifesta vontade de enganar que levou ao PP a perder as eleccións. Non sería a última vez. No 2004 algúns daqueles responsables repetiron o intento de engano, demostrando que nunca da bo resultado a contumacia no erro e menos ascender a quen demostrara a súa incompetencia de palabra, obra e acción. Non recoñecer a propia responsabilidade pode servir nalgunhas relixións pero non na política.

O Prestige descubriunos que en Galicia, ademais de sós, estabamos mal acompañados. Decidimos cambialo e lográmolo. Tamén redescubrimos a natureza. Despois do desastre, a rápida recuperación das especies e dos ecosistemas mariños en pouco máis de dous anos revelounos a xoia natural sobre a que vivimos.

Link: http://www.lavozdegalicia.es (Somos Mar)

Esta entrada foi publicada en 20 anos do PRESTIGE, Cedeira, Comarcas, Denuncia, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Mar de Cedeira, sucesos. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.