
Arrecian as queixas polo resultado das obras e os problemas de sinalización
Cando se executaron as obras de mellora na AC-566, no tramo de saída de Valdoviño cara a Cedeira, os afectados pola supresión das saídas e os accesos a Lagoa, Marnela e Talieiro, en Pantín, reclamaron cambios e xa advertiron da falta de sinalización. Agora, os veciños quéixanse dos continuos derrubes de pedras e terra dos noiros da estrada, «que provocaron incidencias en vehículos e saídas de vía». Aseguran que houbo algún accidente no cruzamento e que un autobús levou por diante una dos sinais.
«O persoal de Estradas leva unha semana tentando que non se desmoronen os laterais, pero veñen limpar e aos dous días xa volven caer. Así é como nos defenderon a seguridade viaria», ironizan residentes na zona. Tamén protestan pola falta de sinalización no punto onde comeza Pantín, catro meses despois de que acabasen as obras: «Seguimos coa Marnela, con ese artigo que non sabemos de onde o quitaron».
Os veciños preguntaron no Concello polos constantes desprendementos de terra e pedras. «Dinnos que é porque choveu moito, coma se antes non chovese», apuntan. Engaden que a marquesiña se asolaga, por como deixaron a cuneta, e que seguen sen servidumes para varios montes.