R.P.P.FERROL
Intensas precipitacións na comarca nun adverso meteorolóxico que se complicará este luns
Os primeiros efectos da anunciada borrasca que deixará a todo o litoral galego durante a xornada deste luns en alerta laranxa xa se deixan notar na comarca. A primeira fronte que trae consigo deixaba nas últimas horas deste domingo refachos de vento superiores aos cen quilómetros por hora na costa de Cedeira desde as seis e media da tarde, segundo os datos de Meteogalicia, obtidos na estación de Punta Candieira. E coa entrada da noite, chegaron a rozar os 117. Ademais, o temporal trouxo tamén persistentes precipitacións na zona e ondas no mar por encima dos catro metros.
Os corpos locais de seguridade están pendentes dos posibles incidentes que se poidan producir avanzada a noite debido ao mal tempo, que continuará polo menos ata o martes.
Para a xornada deste luns, un forte corredor de vento do noroeste deixará unha situación moi complicada no mar por ventos de forza 7 e intervalos de 8 e 9 en mar aberto e mar combinada do noroeste con ondas de entre cinco e sete metros de altura.