A. C.VALDOVIÑO / LA VOZ

JOSE PARDO
O despregue chega con case dous anos e medio de retraso respecto do prazo inicial previsto
A Asociación de Veciños de Porto do Cabo (lugar de Valdoviño, con parte en Cedeira e Cerdido) celebra que dende esta semana xa se poida solicitar a alta da fibra óptica. Así llo confirmaron de Movistar hai uns días. «É unha satisfacción porque as xestións realizadas no último ano e, sobre todo, nestes meses, deron froitos», recoñece o presidente do colectivo.
José Picallo recorda que o despregue da fibra tiña que estar rematado en decembro de 2020, e que se prorrogou dous anos por mor da covid. «Pero tampouco estivo rematado a finais de 2022 —constata—, quedara colgado nun poste preto do cruce que vai ao miradoiro do Paraño desde había un ano».
Os contactos reiterados da asociación con Movistar e a empresa Rede Aberta permitiron que os veciños «vaian ter fibra nas casas en breve». Picallo lembra que para darse de alta hai que facilitar o número antigo da vivenda, xa que o novo non figura aínda. Tamén serve a referencia catastral do inmoble. Ofrécese a axudar na tramitación a través do correo vecinosportodocabo@gmail.com.