Infraestruturas prevé un investimento de 4,6 millóns de euros na obra
O Consello da Xunta aprobou onte o decreto polo que se declara a utilidade pública e disponse a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de acondicionamento da estrada AC-566, entre os puntos quilométricos 13+100 e 17+070, no municipio de Valdoviño. O Goberno galego estima en 4,6 millóns de euros o orzamento da intervención prevista nestes preto de catro quilómetros do viario que comunica Valdoviño e Cedeira. Esta cantidade inclúe o pagamento das expropiacións das 136 leiras afectadas por esta actuación.
Os traballos comezarán xusto ao saír do núcleo urbano de Valdoviño, cunha mellora do trazado existente ao longo dos dous primeiros quilómetros de vía. «Incrementarase a plataforma mediante a inclusión de carrís adicionais para adiantamento seguro, entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+810 en sentido directo, e do 1+150 ao 1+625, en sentido inverso».
Entre o quilómetro 1+919 e o 2+535 manterase o trazado actual, «para minimizar as afeccións á canteira e á vagada». E rectificarase a curva existente xunto á canteira. Entre os puntos 2+535 e 3+635 corrixiranse as curvas e ampliaranse os radios a un valor mínimo de 130 metros; e engadirase un carril adicional en sentido inverso, entre o quilómetro 2+900 e o 3+600. A Consellería de Infraestruturas precisa que se ensanchará e reforzarase o firme en 2,11 quilómetros e rectificaranse curvas e habilitarase un carril adicional en 1,86 quilómetros. Tamén está previsto instalar novas marquesiñas nas paradas do autobús.
Acondicionar a AC-862
Infraestruturas destaca que as obras programadas na AC-566 súmanse ás xa executadas na AC-100, entre O Barqueiro e a Vila de Bares, cun investimento dun millón de euros. Sinala, doutra banda, que o proxecto de construción da primeira fase do acondicionamento da AC-862, entre San Sadurniño e Ponte Mera (Ortigueira), «estase ultimando para aprobar as expropiacións e licitar as obras».
VAP Costa Norte
En canto á Vía de Altas Prestacións (VAP) Costa Norte, desde o departamento que dirixe Ethel Vázquez aseguran que «tamén se está avanzando, xa que se está a preparar o sometemento a información pública do proxecto reformulado do treito que vai desde a AG-64 ata Sanguiñeira [no municipio de San Sadurniño]». Hai dous tramos abertos, en Ortigueira e entre Viveiro e Xove.