A. F. C.
CEDEIRA / LA VOZ

Álvaro Otero e Sara Novais, coa súa profesora de Química, Sofía Picos, esta mañá no centro CEDIDA
Sara Novais será unha das representantes de Galicia na Olimpíada Española, que se celebrará en Valencia en abril
Sara Novais Meireles e Álvaro Otero Antón, alumnos de 2.º de Bacharelato do IES Punta Candieira, quedaron entre os cinco mellores da XL Olimpíada Galega de Química na demarcación da Universidade da Coruña. Sara foi a terceira, e figura entre as representantes galegas para a XXXVI Olimpíada Española de Química, que se celebrará en Valencia do 21 ao 23 de abril; e Álvaro, o quinto.
Ningún dos dous esperaba este resultado. Viaxaron á Coruña o día 10, xunto a outra compañeira, Gemma López Sixto, tamén cedeiresa, e á súa profesora de Química, Sofía Picos Nebril, quen lles propuxo participar aos tres. E o 17 notificáronlles a clasificación. Tanto os estudantes como a docente están moi contentos. Nin Sara nin Álvaro planean estudar Química, pero é unha materia que lles gusta e, como se puido comprobar na proba, dáselles especialmente ben.
«Propúxonolo a profesora e dixemos ‘bo, será un día diferente’, pero sen pensar nada», confesa Sara (Cedeira, 18 anos), de familia portuguesa. A proba consistiu nun test inicial e varios exercicios para desenvolver. «Non teño unha materia favorita, aínda que me chaman máis as ciencias», comenta. Pero nos seus plans de futuro non aparece esta disciplina, inclínase pola Educación Primaria, para dar clases, se é posible compaxinándoo con estudos musicais no conservatorio.
Álvaro (Cedeira, 17 anos), dúbida entre as matemáticas e a enxeñería aeroespacial: «Ciencias seguro, xa desde a ESO sabía que de letras non era, redactar non se me dá nada ben. Tamén pensei en algo da rama sanitaria…». Conta que tivo pouco tempo para preparar a Olimpíada Galega de Química, polos exames. «Fun e tentei facelo o mellor posible… e sorprendeume o resultado», sinala.
Os seus compañeiros felicitáronlles, igual que as súas familias, moi orgullosas, sentimento que comparte a súa profesora, coa que levan desde 2.º de ESO. «Vou sempre á olimpíada, só faltei dous anos, o da pandemia e o 22. Levo sempre aos alumnos que me parece… vou con eles no coche, comemos xuntos, pasamos un día diferente», destaca. Sen esquecer os nervios de quen se somete á proba, organizada pola Asociación de Químicos de Galicia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia,
Sofía e Sara xa pensan na expedición a Valencia, do 21 ao 23 de abril. «Xa está todo organizado, cunha visita á cidade… e competir con estudantes de toda España», apunta a docente, especialmente satisfeita cos resultados deste ano. «É o broche de ouro á miña carreira profesional», recalca esta cedeirense de 59 anos que leva 34 dedicada ao ensino, sempre no IES Punta Candieira. «Agora xa me podo xubilar, xa non podo facer máis aquí», di entre risas.