FERROL / LA VOZ

O rexedor de Cerdido é o único que confirmou que non volverá optar ao cargo, mentres todos os partidos perfilan as súas candidaturas para as municipais do 28M
O taboleiro político da comarca vaise despexando cara á cita electoral do 28 de maio, polo menos no que se refire aos cabezas de lista. As Pontes é a única incógnita no quebracabezas de candidatos de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Todos os alcaldes e alcaldesas dos diferentes partidos aspiran á reelección, coa excepción de Cerdido, onde xa hai novo aspirante, e á espera de coñecer a decisión do rexedor pontés, o tamén socialista Valentín González Formoso.
No PSOE, á fronte de 13 das 20 alcaldías das tres comarcas, repiten Ángel Mato (Ferrol), Bernardo Fernández (Pontedeume), Pablo Moreda (Cedeira), Alberto González (Valdoviño), Juan Penabad Muras (Ortigueira), Julio Iglesias (Ares) Anxo Alvariño (Neda), José Miguel Alonso Pumar (Cariño), Carlos Ladra (Cabanas), Andrés Feal (Monfero) e Manuel Meizoso (A Capela). A maioría aínda non anunciaron oficialmente a súa candidatura, pero fontes do partido confirman que volverán encabezar as listas dos seus respectivos concellos.
No caso de Cerdido, a renuncia de Benigno Galego, alcalde desde 2015, deu paso ao novo técnico de Turismo Brais Prieto. «Aspiramos a revalidar as alcaldías que xa temos, porque estamos convencidos de que a xestión dos nosos alcaldes nesta comarca foi boa, en liñas xerais», recalca o secretario provincial do PSOE, Bernardo Fernández. Corrobora a intención do partido de presentar candidato nos vinte concellos. En Narón, Jorge Ulla substituirá a José David Pita; en Fene, Joaquín Ayala ocupará o debido a que fai catro anos correspondeu a María del Mar Piñeiro; en Mugardos, o aspirante será de novo José Ángel Martínez Bardanca; en Mañón presentarase outra vez J. Carlos García Vilameá; e nas Somozas, Óscar Meizoso. Quedaría pendente San Sadurniño, á espera de saber se repite Lois Anxo Rodríguez; e Moeche, sen lista en 2019.
O PP xa confirmou a todos os seus candidatos, menos o de Valdoviño. Seguirán os seus tres rexedores: en Mugardos, Juan Domingo de Deus; en Mañón, Alfredo Dovale (que substituíu ao falecido Alfonso Balseiro, hai dous anos, e concorre por primeira vez como cabeza de cartel); e nas Somozas, Juan Alonso Tembrás. Optarán de novo a gobernar José Manuel Rey Varela (Ferrol), Germán Castrillón (Narón), Gumersindo Galego (Fene), Valentín Calvín (Ortigueira), Ana M.ª López (Cariño), Belén Trigo (San Sadurniño), María Méndez (Moeche), Olga Blanco (A Capela), Belén Saído (Monfero) e Alberto Rey (Cerdido).
As novas caras dos populares veranse nas Pontes, con María Dopico; Ares, con Daniel Villaronga; Cabanas, con Fernando Couce; Pontedeume, con Iago Rodríguez, concelleiro; Neda, con Eladio Romero (portavoz e actual presidente da xestora); e Cedeira, con Julio Cribeiro, un vello coñecido da política local na comarca, polas súas etapas de alcalde de Moeche, nas filas do PP e, durante uns anos, nunha agrupación independente.
Os tres mandatarios locais do BNG liderarán de novo os proxectos da formación. Son Juventino Trigo, en Fene; Secundino García, en San Sadurniño; e Beatriz Bascoy, en Moeche. Iván Rivas volverá optar á alcaldía de Ferrol e Olaia Ledo fará o propio en Narón, igual que Iago Varela, tenente de alcalde do executivo de coalición co PSOE en Cabanas. Xa transcendeu a renovación á fronte do Bloque en Cedeira, con José Antonio Rodríguez Arribe, Jose de Vigo, que releva a M.ª Xosé Rodríguez. «Tentaremos presentar ou maior número de candidaturas, vai haber lista en concellos nos que non 2019 non foi posible facela», segundo avanza a responsable comarcal, Mercedes Tobío.
En canto a outras formacións, TEGA presentou á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, como aspirante á reelección. E Jorge Suárez volverá liderar a lista de Ferrol en Común.