Antón Rúa: «Neste momento da miña vida, en Teixido sinto algo moi parecido á felicidade»

RAMÓN LOUREIRO

FERROL / LA VOZ

Antón Rúa,cura párroco de San Andrés de Teixido, «poñéndolle o santo» a un romeiro dos que visitan o santuario: un rito -en última instancia, unha maneira máis de dar a bendición- que o sacerdote está recuperando. Ramón Loureiro

Afirma que a San Andrés, coma nun eterno milagre, «vén xente de todo o mundo»

Antón Rúa naceu, hai 55 anos, en Lourenzá, terra na que tamén veu ao mundo Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. E, se ben é certo que el non naceu exactamente en Vilanova, senón na parroquia de Santo Tomé, igual de certo é que en Antón, e na súa visión do mundo, hai moito do espírito, fortemente impregnado de amor a Galicia, do propio don Paco del Riego. Ademais, quen di do espírito e o talante de don Paco, di tamén dos de don Álvaro Cunqueiro, que era de alí moi cerca, de Mondoñedo. Antón, historiador da arte, e artista plástico, ademais de sacerdote, é, desde hai un par de meses, o novo cura párroco de San Andrés de Teixido, de Sanandresiño de Lonxe. Un lugar polo que el, coma Del Riego e Cunqueiro, sente un inmenso afecto desde que era neno. A verdade é que ver a emoción coa que Rúa celebra a Eucaristía en Teixido, ou coa que fala do santuario e das súas xentes, é algo que conmove a calquera. Rúa tende unhas cantas parroquias máis, pero en San Andrés é onde vive. Na porta entre dous mundos. Onde soan, cada día, as campás que, fronte á inmensidade do océano, ven, máis de cerca, como o sol se funde co horizonte diante de Europa: como se abrazan o ceo, o mar e a terra.

—Poderíase dicir que Teixido é un lugar que non se parece a ningún outro…

—Pódese. Perfectamente.

—E iso, por que?

—Porque o de San Andrés é un santuario distinto de todos os demais. Aquí vén xente de todo o mundo. Constantemente. Hai que estar aquí, un día tras outro, para ver ata qué punto iso é certo. Eu, aínda que acabo de asumir as funcións de párroco agora, levaba xa anos colaborando con este santuario, pero en verdade che digo que é neste momento, ao estar en San Andrés un día si e outro tamén, cando me dou conta, da mañá á noite, da súa realidade. Por iso eu digo sempre que Teixido, o santuario ao que vén todo o mundo, é, tamén, o santuario de todo o mundo.

—Por poñer algún exemplo: de onde viñeron romeiros, estas últimas semanas?

—Pois viñeron de Holanda, de Alemaña, de diferentes países de América Latina, de Corea…! Se non o ves, non o cres.

—Dicía un profesor ao que todos recordamos con moito afecto, José Antonio Fernández de Rota y Monter, un antropólogo excepcional, que a San Andrés de Teixido, conforme o tempo foi pasando, a peregrinación non foi a menos, senón a máis.

—Así é. E mira que aquí vén xente desde hai ben tempo.

—Onde están as raíces desta peregrinación?

—Nunha época moi remota. De feito, e aínda que iso non se poida demostrar, cada vez estou máis convencido de que esta é a peregrinación máis antiga de Europa.

—A máis antiga?

—Si señor. A máis antiga de todas. Unha peregrinación que enlaza directamente co camiñar, baixo a Vía Láctea, cara ao lugar onde os antigos crían que as almas collían o barco que as trasladaba a un mundo distinto

—Recuperou vostede ritos coma o de «poñer o santo».

—Tanto coma recuperalo, non. Porque nunca estivo completamente perdido. Pero digamos que é algo ao que lle estamos dando un novo pulo. É unha bendición que agradece moitísimo a xente.

—Vese vostede contento aquí.

—Estou máis que contento! Neste momento da miña vida, en Teixido sinto algo moi parecido á felicidade. Quen me había dicir a min que aquel neniño que eu era, que viña a Teixido no colo da súa nai, sería, un día, o cura de San Andrés…?

Advertisement
Esta entrada foi publicada en Cedeira, Comarcas, Cultura, Fotos de Cedeira, Fotos Galicia, Galicia, Politica, Politica Local, Santo André de Teixido, Traballo, Turismo, Turismo local. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.